Praza pública Blogs
Hoxe en Praza:

Circo de bacterias

O blog de microbioloxía de Praza Pública
Sobre o blog  

As bacterias vanse para a praia

Operación saída. Chegou a hora das vacacións. Eu creo que a estas alturas xa compensa un pouco máis e agarda-las ofertas de última hora. Disca che hai un portal moi bo de ofertas desas de último minuto. Tamén haberá que buscar un avión. Praia ou montaña… praia, praia!! Poñerse negras coma chamizos!! coma se non houbese un mañá! Sí sí sí.. Tou desexando desconectar! Si, remolla-los cilios e afloxa-lo peptidoglicano!! Pero oe, haberá que andar remirado cos prezos porque o mellor volve a subi-lo IVE ou recortando-los soldos!! Bah!! nada! Ademais, o dez xuntase o Eco non sei que e xa está.

Sen dubida unha conversa que podería ter lugar en calquera oficina, en calquera bar, en calquera parte,… pero como comprenderedes a min estas paroladas só me interesan cando as que as protagonizan son as miñas pequenas compañeiras do laboratorio. O primeiro, ti pensas, ben, é verdade, os efectos dos efluvios do bromuro de etidio comezan a facer efecto e eu empezo a tolear; despois pensan: bo!! eu pensando mal deles, maldicindo cando non queren expresar unha proteína, e elas pensando en regalarme unhas vacacións, a ver se houbera sorte e me deixan elixe-lo destino a min… E cando xa estaba pensando como amosarlles o meu agradecemento e gratitude .. vai e resulta que nada de nada, que do que estaban a falar, era do seu destino estival. Que se me queren ir de vacacións e todo o mes!! Calquera aturaba a E. coli, a que máis berraba… Praia, praia… E aínda por riba cando eu cheguei e fíxenme notar, dixéronme que fixera o favor de estar calada e que non se me escapase comentar nada que non querían que viñese a prensa. Aquí eu xa rin a esgallo!! E logo, que fades top-less??!!!

Para estes casos Enterococcus sempre é a máis inocente de todas: Non muller, non!! O que pasa é que cada vez que vamos E. coli e máis eu acabase montando un circo. Veñen un señores cuns maletíns e din que se nas mostras da praia aparecemos nós, é que houbo un vertido fecal nas augas e a xente cóllenos manía porque os técnicos empéñanse en cerra-la praia.. O ano pasado cando fomos a Málaga tiveron pechada a Malagueta tres días pola nosa culpa… É lémbrante fai pouco cando estivemos en Estados Unidos e dixeron tamén o mesmo… As pobres quéixanse porque a verdade é que son dúas especies típicas que indican que a auga do mar ou do río mesturouse con augas fecais… e hai que cerra-las praias cando isto acontece. A verdade é que as miñas pobres!! Existe un Real Decreto 1341/07 que di que se aparecen máis de 500 E. coli nunha mostra de augas de baño, hai que cerra-la praia. Algunha mente retorcida que este a ler isto empezou a pensar que prefería algunha coli polo camiño, e máis sitio onde aparcar…

Un estudio levado a cabo en Estados Unidos decidiu que o Estado con maiores índices de contaminación era Luisiana, que é famoso entre outras cousas polo seu marisco.. e tamén porque foi o Estado máis afectado cando tivo lugar o famoso vertido no Golfo de México da plataforma de BP. As principais fontes de porcalladas e bacterias adoitan ser as augas fecais que se mesturan coas augas dos ríos e do mar; sen embargo parece que tamén hai que botarlle a culpa as escorrentas da auga de chuvia que limpa o solo e leva o acumulado cara o mar. Xa o dicía Manrique: “Nuestras vidas son los ríos que van al mar …”.

É cantas veces fomos a praia e bramamos contra a area nas mans? Pois seica eche mellor lava-las mans antes de comer algo na praia porque ademais de toma-las augas, as bacterias tamén lles gusta toma-lo sol na area; tende-la súa esterilla; botar protector e ala: A vivir!! Outra vez á que máis lle gusta é a E. coli, que ademais xa aprendeu a perdurar no tempo é habituouse a vivir no medio da area coma Tom Hanks en Naufrago; dentro dos enterococos o que máis lle gusta estar pola area é a Enterococcus faecium. En Portugal gastaron unha morea de cartos en elaborar unha guía para a calidade microbiolóxica das augas das praias Lisboa e do Vale do Tejo. Neste caso fixeron un análise moi completo é atoparon que as praias portuguesas principalmente estaban ocupadas por fungos responsables dalgunha alerxia. Neste caso os nosos veciños realizaron un moi bo estudio que foi acompañado de novos criterios para establecer a calidade das augas, non só baseados na presencia de bacterias senón tamén na presencia de fungos propoñendo que o xénero Candida era o adecuado para este fin.

Os americanos que coma todos vós sabedes salvan o mundo ano tras ano de calquera tipo de ameaza, extraterrestre, meteoritos, extremistas varios, … que recomendan nestes casos? Non, come-la area da praia. Seica é a mellor maneira de previ-lo contaxio de E. coli.

Lembrade pois este verán que vós non seredes os únicos que queiran toma-lo sol na praia; que cando esteades a cravar a sombrilla, podedes cometer un autentico bacteria-xenocidio. O que si é certo, é que deberiamos ter coidado coas praias as que vamos. En Galiza temo-la sorte de ter unha morea de bandeiras azuis… a esas é as que hai que ir. Seguro que todos somos capaces de lembrar un agradable paseo por algún areal onde de repente tropezamos cunha tubería… quizais mellor cambia-la toalla de sitio.

En calquera xeito, os meus pequenos micro-amigos xa teñen a maleta feita! E encargáronme que mañá de paso que vou o laboratorio lles compre Factor 30 que disca que dende o buraco de ozono chamúscanse demasiado…

Patricia Veiga-Crespo

@pvcrespo

Noticias relacionadas:

Una bacteria obliga a prohibir el baño en las playas de San Andrés y La Malagueta. http://www.malagahoy.es/article/malaga/996122/una/bacteria/obliga/prohibir/bano/las/playas/san/andres/y/la/malagueta.html

Emasa sabrá hoy si la contaminación bacteriana de las dos playas ha remitido. http://www.malagahoy.es/article/malaga/996897/emasa/sabra/hoy/si/la/contaminacion/bacteriana/las/dos/playas/ha/remitido.html

Playas de EEUU contaminadas con aguas residuales y bacteria, según estudio. http://noticias.terra.com/ciencia/playas-de-eeuu-contaminadas-con-aguas-residuales-y-bacteria-segun-estudio,2a71457657f28310VgnVCM5000009ccceb0aRCRD.html

Whitman et al.Hand–mouth transfer and potential for exposure to E. coli and F+ coliphage in beach sand, Chicago, Illinois Journal of Water and Health 07 623–629 (2009).

Byappanahalli et al. Seasonal persistence and population characteristics of Escherichia coli and enterococci in deep backshore sand of two freshwater beaches. Journal of Water and Health 04.3 313-320 (2006).

Mendes et al. Fungi as environmental microbiological indicators. Water Science and Technology  38 12 155–162 (1998).