Como supoño que saberedes este venres celebrase o Aniversario de Praza Pública, que será celebrado de maneira axeitada e bastante disque cunha festa en Vidan, festa á que lamentablemente non poderei asistir porque grazas a política de captación de talento da Xunta ando a coñece-lo mundo que hai máis aló dos Ancares. E mira que a min viaxar gústacheme ben pero, carallo, eu quería ir de troula! Bueno a ver se para o segundo aniversario, agora que dixo o Conselleiro que ían captar talento, pois…
En calquera caso, púxenme eu a cavilar sobre isto do aniversario, e claro, que raios lle agasallas a un xornal? Un xornal dixital a máis datos… e aínda por riba en galego!!! Sinceramente, cos tempos que corren aiche que estar moi tolo para meterse en semellante aventura!. Despois, din dos numantinos!! Rite ti deles!! A tolos ganan os galegos seguro!.
Total, que coma non che sabía moi ben que mercar, pedinlle consello as miñas pequenas compañeiras, que dixeron que mercara o que quixera e que lles dixera onde tiñan que asina-la tarxeta. Pois nada! Vai porcallada de axuda me ofreceron! Nin sequera me dixeron se iamos a pachas para pagala!. Desgraciadas!
Moi ben! Decidín preguntarlle a Google! Seguro que el non me falla. Pois aló que fun. Preguntar, pregunteille pero contestar, non che me contestou!. Pero o final axudar, axudou.
Púxenme a mirar, e atopei que o 22 de Febreiro do 39 morreu no seu exilio de Colliure (Francia) o poeta Antonio Machado ilustre membro da Xeración do 98. Tamén parecer ser que ese día pero no ano 1819, o estado español vendeulle Florida os americanos.
E dis ti, xa que estamos non acontecería nada relacionado coas nosas pequenas amigas un 22 de febreiro?. Pois non foi doado pero, ese día pero no ano 1855 nacía Albert Ludwig Sigesmund Neisser na bonita localidade de Swidnica (Alemania). E quen era o noso amigo Ludwig? Pois foi un doutor alemán responsable de descubrir o xénero bacteriano Neisseira. Hai moita xente que bautiza unha estrela, un barco, unha bacteria … pero Ludwig, non. El bautizou todo un xénero. E todo porque foi capaz de illar un patóxeno: Neisseria gonorrhoeae. Si, meus amigos, o patóxeno responsable da gonorrea, coñecida enfermidade de transmisión sexual. Si. Seguro que tan importante é celebrar o aniversario, coincidindo coa morte dun poeta da xeración do 98, coma que a túa festa coincida co nacemento do descubridor dun patóxeno de transmisión sexual. Sen dúbida algunha, e de unha rara maneira, estes feitos han de estar cosmicamente comunicados.
E aínda por riba temos que ter en conta outro pequeno feito. O noso benquerido Ludwig, non só illou a gonorrea, senón que tamén foi co-autor do descubrimento do patóxeno da lepra, aínda que este último descubrimento estivera envolto na polémica.
Aínda tivo tempo o longo da súa vida de andar implicado en estudios para o tratamento da sífilis. Toda unha vida envolta na transmisión sexual. O único punto escuro foi que acabou morrendo froito dunha infección no 1916.
Fose como fose, os máis sinceros parabéns para Praza Pública de parte das máis cativas das súas colaboradoras. Elas non se vos poden poñer, porque xa andan a celebralo.
Saúde! E por moitos anos!
Patricia Veiga-Crespo
@pvcrespo
Durante séculos a Alquimia foi a gran Ciencia. Ó contrario do que está a pasar estes días grandes reis e raíñas meteron unha morea de cartos no I+D representado por xente de toda caste e condición cun único obxectivo: transformar en ouro calquera tipo de material. Esa era a súa pedra filosofal. O secreto que perseguiron durante séculos e séculos.
E os grandes magos da época tamén cometeron erros na súa investigación. E onte, o igual que hoxe, tamén chos había mentireiros, capaces de dicir que xa acadaron o seu obxectivo; outros, que pedían máis cartos para acada-los obxectivos porque querían estafa-lo rei; outros, sinceros que dedicaron toda a súa vida a intentalo e nunca o acadaron. Por que?? A quen se lle conte que alguén nos seus días ía a pensar de verdade que se podía transformar unha pedra en ouro!!
Imaxinades o que podería ser hoxe en día, cos tempos que están a correr, ter o secreto para poder fabricar ouro!! Sen ter que ilo buscar as entrañas da terra e rirse destas tendas que proliferan hoxe en día de Merco Ouro!. Poderiamos poñer nos unha que fose algo así coma: Véndoche eu o ouro que queiras!. Pero claro, obviamente iso non é posible. Só nos queda, pois, a resignación…. ou tal vez non?.
Sempre estamos a falar de que a Microbioloxía ten moitas das respostas que andamos a buscar. Xa viñeron no noso auxilio outras moitas veces, xa nos deron os antibióticos, xa nos deron a produción dunha morea de produtos a través da biotecnoloxía. Se cadra tamén nos poden axudar en tempos de crise. Imaxinades o que sería? Ter unha bacteria capaz de producir ouro!! Iso sería a bomba!!!. Pero claro só estamos a soñar,… ou tal vez non?
Pois non amigos, non nos queda soñar non. Unha vez máis, confiar na ciencia, traerano-la resposta, que xa decía aquel outro que estaba no aire!. Unha bacteria alquimista! Iso, simplemente iso, é o que necesitamos pero non unha calquera non, so necesitamos a Delftia acidovorans, bacteria de difícil nome da que sabemos que gusta da compañía dos seus porque gusta de vivir formando biofilms. E nós xa sabemos o que son os biofilms pero e que os da Delftia sonche biofilms moi especiais. Están nas pebidas douro.
Sí, meus amiguiños, esta bacteria como aqueles novos ricos, gusta da ostentación e do luxo. Gusta dos ambientes dourados e recargados.
Pero o gracioso do asunto non é que exista unha bacteria capaz de vivir encima das pebidas de ouro, non. Tampouco é novidade que unha bacteria viva en comunidade e forme biofilms. Pero a novidade que ven de descubrir un equipo da Universidade McMaster de Ontario (Canada) é que a bacteria e capaz de recubrise de ouro.
Veredes o metal ouro nunha cantidade elevada é tóxico e o que realmente fai a bacteria é secreta-los ións de ouro que penetran no interior celular o exterior como se estivese bañada en ouro. A bacteria o que sintetiza realmente non é o ouro, senón unha proteína chamada delftibactin que se une os ións de ouro e os transporta cara ó exterior, de tal xeito que se acumulan no exterior e por unha simple cuestión química os ións buscan o estado enerxético máis adecuado que resulta que é formando partículas de ouro. Logo, estamos ante a bacteria dourada!
Eu xa estou a facer o conto da leiteira!! Eu xa vexo todo o que podemos facer!! Eu xa vexo todo o que nos estamos a perder por non investir en I+D!!!!
Patricia Veiga-Crespo
@pvcrespo
Se vos interesa o artigo orixinal: Nature Chem Biol http://dx.doi.org/10.1038/nchembio.1179 (2013).
Moitas veces, o longo da vida a xente movese por sensacións, por sentimentos, por unha morea de lembranzas, … aínda que tratemos de ser o máis racionais posible, sempre hai un factor que non chegamos a controlar e que nos fai toma-la decisión máis desexable, pero non a máis convinte.
Fai pouco tiven a oportunidade de participar nunha cata de viños, e alí había viño de ata 50 anos procedente dalgunha desas bodegas que tanta sona ten ultimamente. Como cheguei ata aquela mesa e unha longa historia que non é a que nos ocupa, pero o chegar ó final da cata, había dous viños doces, un dos cales era un viño quinado sen case valor comercial nin case valor a secas… Ben, cunha puntuación sobre 100, eu puxen 95. Era consciente do esaxerado do feito, incluso do absurdo do mesmo, pero é que para min o sabor daquel viño, eran tardes-noites de inverno de cando era pequena, e alguén me deixaba molla-los beizos cun chisquiño e as agachadas dos meus pais… Só pola morea de lembranzas que me chegaron a mente co primeiro grolo, e que fixo que a puntuación outorgada non fose para nada a que debería ser.
Isto é un feito moi frecuente, máis frecuente que do razoablemente admisible porque incluso cando non debería influír, inflúe.
Éche moi frecuente que a unha morea de medicamentos se lles poña sabores, para facer máis doada a súa inxesta… A min ningún me ten un sabor agradable pero quen son eu, capaz de puntuar cun 95 un viño malo, para opinar?. Pero se cadra hai feitos que respaldan a teoría de que deberiamos ser un pouco máis coidadosos na nosa toma de decisións.
Un dos feitos máis determinantes da historia e que trocou a maneira de afronta-la mediciña de hoxe en día, foi o descubrimento da Penicilina por parte de Flemming. Coa chegada dos antibióticos, chegou a ferramenta para loitar contra unha morea de infeccións, puidéronse controlar unha morea de doenzas, e mellorar as condicións de vida dunha morea de xente. Golden dixo aquilo do fin das doenzas, e logo viñeron os abusos e as actuais políticas de exceso de control. Fíxate! Coma os bancos, antes entras e dabanche o que non estaba nos escritos,… agora pídenche que devolvas o bolígrafo que che prestaron….
Pero esta historia de recuperación e control de infeccións, estivo a piques de ser total, completamente e brutalmente distinta por culpa do sabor dun antibiótico. Aló pola metade dos anos 30 descubríronse as sulfamidas. Este feito fixo que por primeira vez na historia houbese algo para combater infeccións causadas por Streptococcus, meninxite e a neumonía. Ata esa data, por exemplo a neumonía era a causa de morte de ata un 8 % da poboación.
As propiedades das sulfamidas foron descubertas en 1932 por químicos alemans e xa no 1935 foron usados en estudos clínicos. Hoxe en día esta premura é impensable. En Decembro do 36, o New York Times chamoulles “magic bullets” e “milagro crecente” e os ratios de morte das doenzas que podían ser tratadas con elas baixaron espectacularmente. O Prontosil, que foi o primeiro nome co se coñeceron, pasou rapidamente de Alemania a Inglaterra, e logo a Estados Unidos.
So hai un borrón ben grande na historia … unha cuestión de sabor. Resulta que sabían moi pero que moi mal, e a unha compañía americana deulle por intentar trocar este aspecto negativo… Desenrolaron un xarope ben doce pero as sulfamidas eran difíciles de solubilizar, e decidiron utilizar di-etil-glicol para axudar na disolución mentres mantiñan o novo sabor… Mataron a 107 persoas porque os glicoles son un chisco tóxicos, …
Imaxinades o que podería se-la Historia do século vinte con dúas guerras mundiais, máis unhas cantas máis de carácter máis local sen antibióticos? Imaxinades que se houbesen quedado so no sabor?
Patricia Veiga-Crespo
@pvcrespo
A transformación
Seica che é Vox populi que a xente cando chega a un posto ou posición social con poder ou recoñecemento mediático transformase en seres nada desexables, salvo claro honrosas excepcións. Quizais o que cambia non é poder nin a fama, senón que simplemente o individuo que muda xa tiña a condición previa ou se cadra sofre un proceso de transformación debido a influencia dos que o rodean agora.
É claro, cando se cavila na transformación sempre se pensa na microbioloxía. Ben, quizais non todo o mundo … pero seguro que a maioría porque quen senón? Os maiores expertos en transformación seguro son os microorganismos en xeral: expertos coma os fungos capaces de transforma-las materias primas: as uvas en viño, a fariña en pan, incluso de facer algo tan difícil de dixerir coma o chucrut. Expertos coma moitas bacterias en transformar vertidos contaminantes, coma as bacterias implicadas na bio-transformación. Bacterias que se manipulan no laboratorio para que produzan o que o investigador desexe, aínda que isto non sempre se acada e elas fan o que lles peta.
Pero cando un fala de transformación, o verdadeiro proceso de transformación é o debido a transferencia de material xenético entre bacterias o que provoca cambios na que o recibe, é dicir a influenza dos que o rodean en trocar o neo-poderoso de quenda.
O tema da transformación bacteriana non che é un tema baladí porque é un dos mecanismos fundamentais de transferencia xenética e que aínda por riba foi un dos primeiros pasos que se fixeron para saber cal era a natureza do material xenético, e coma sempre a evidencia chegou cando se estaba a buscar outra cousa.
No ano 1928 Griffith andaba coma tolo buscando unha vacina contra a neumonía causada por Streptococcus pneumoniae. Pois Griffith foi capaz de darse conta que había dúas clases de cepas: as virulentas, que provocaban a enfermidade, e as non-virulentas que non o facían. Aínda por riba, cando mataba cepas virulentas e poñía en contacto as mortas cas non-virulentas, estas tornábanse virulentas e provocaban a enfermidade!!! Mimadriña de Deus!! as cepas virulentas voltaban dende o máis aló bacteriano para que as non-virulentas as vingaran!!! Pero antes de que fagamos parti-la Nave do Misterio, o mellor o que acontecía era que as cepas mortas eran capaces de transferir algo as non-virulentas. Houbo que decatarse que as cepas do neumococo ademais de na súa agresividade, diferenciábanse noutra cousa: na presencia dunha cápsula externa que as envolvía ou non; deste xeito chamáronlles cepas lisas as virulentas porque tiñan a cápsula ou capas rugosas as non-virulentas. O que acontecía era que as cepas sen cápsula voltabanse virulentas e ademais adquirían a cápsula. Aquí puido estar un dos perigos… pensar que o que transformaba as bacterias era a cápsula e non o DNA. Houbo que esperar uns anos para que Avery, McLeod e McCArty para que demostraran que a base da transformación estaba no DNA e non nas proteínas. O que acontecía era que as cepas virulentas transferíanlle as non-virulentas o material xenético para que se transformaran en malas malísismas e aínda por riba, lles enseñaban a construír a cápsula.
E para que raios era a cápsula? Para enganar o sistema de defensa do corpo. Resulta que os anticorpos non eran capaces de se dar conta de que os estaban a invadir pola cápsula!!.
Logo neste caso cumplense dúas premisas demasiado frecuentes nos nosos días: a algúns cando lles chega o poder, non só lles ensean a ser distintos e peores persoas, senón que tamén lles enseñan a enganar os demais.
Grazas a Deus, dun tempo a esta parte, as vacinas cada vez son máis eficaces e a xente estase a decatar de que a intentan enganar con falsas promesas e programas mentiráns.
¿Sería moito pedir que as transformación no poder fosen para mellor?. ¿Sería moito pedir que as vacinas avanzasen rápido, moi rápido para que cada catro anos non nos volvesen a tomar por tontos?. ¿Sería moito pedir que non nos voltasemos a deixar enganar?
Patricia Veiga-Crespo
@pvcrespo
Onte tiven que parar unha conspiración. Foi un momento complicado porque aínda cando se sabe que se está a actuar da maneira correcta, as veces hai que tomar decisións difíciles como foi o caso. E foi complicado porque nunca é agradable ter que deter e actuar contra aqueles que nalgúns momentos estiveron do teu lado, pero cando se actúa en aras dun beneficio meirande hai que facer o que hai que facer. Gobernar coma Deus manda implica sacrificios e decisións difíciles.
A verdade é que levaba un tempo a sospeitar, ca mosca detrás da orella, intentando descifra-las medias verbas, as medias conversas que trocaban de tema cada vez que me oían achegar polo corredor: “Veña oh! Que non a de ser a primeira vez que o fagamos! So que esta quenda seremos nos quen diríxamo-la partida!. -Chus!! que ven alguén!. -Xa esta ben de tanto abuso!. -Que caledes!!!”… E así día tras día, conversa tras conversa. E así día tras día.
“Veña o que todo o mundo pensa que isto o inventou George Bush e leva séculos a se facer!. Xa antes de Cristo perdera a sandalia andaban os Asirios a voltas co Claviceps purpurea”. Aquí empecei a poñe-la orella con máis atención, porque este fungo é o que causa o caruncho do centeo. Se a planta está contaminada, cando se come o gran aparece unha enfermidade chamada ergotismo, tamén chamada febre de San Antón. A partir das micotoxinas illadas deste fungo, obtívose o LSD. Na Idade Media o único remedio que se coñecía para as febres de San Antón era a peregrinación os Mosteiros de San Antonio . A verdade era que curaban porque deixaban de toma-lo pan de centeo e os monxes do mosteiro de Castrojeriz lles daban pan de trigo. Ai!! Eses santos milagreiros!.
“Lembrade a Gengis Khan!. - Aquel si que era un guerreiro!. -Un estratego!.! - Si, aquelas si que eran batallas! -Eranche outros tempos!. - O que pasa que o final o pobre fóiselle das mans o asunto é nin conquistou todo o que quixo, e a estratexia falloulle nalgún punto!. - Entón o que temos que facer é aprender dos erros do pasado e facelo mellor a próxima.” Raios! O dia seguinte estaban a falar dos mongois e do posible orixe da Peste Bubónica (ou peste negra) en Europa na idade Media. Se lembrades xa falamos por aquí de que esta peste provocou un descenso moi elevado na poboación europea xa que se estendeu coma a pólvora ó longo de todo o continente porque as condicións de hixiene nin de saúde da poboación eran axeitadas. A maior parte das infeccións tiveron o seu orixe na bacteria Yersinia pestis. E haiche dúas teorías acerca do orixe da epidemia: por un lado, culpouse os xudeus, que foi a teoría que máis adeptos gañou na época por varias razóns: por un lado, non se lles tiña moito cariño en xeral, e por outro, era necesario buscar un culpable rápido para as clases sociais máis pobres sen que estas se desen contan das miserias nas que vivían!. E por outro, aproveitando que o río levaba auga, erache tamén unha maneira moi doada de se desfacer dun grupo social que tiña os nobres pillados polas débedas. E dicir, aproveitando unha crise, botémoslle a culpa a un grupo social que viviu por riba das súas posibilidades, e tróquemo-lo modelo social, eliminando de paso o problema das débedas. Redondo!. A outra teoría, que cada día gaña máis adeptos e probas, di que o orixe haino que buscar no asedio a poboación de Caffa no século XIV polos mongois. Estes anxeliños collían os cadáveres infectados, colocábanos nunha catapulta, e lanzábanos dentro dos muros da cidade. Imaxinade as condicións nas que se podían atopar as cidades despois dun tempo de asedio e veredes o efecto contaxio. A versión menos bruta consistía en tirar soamente a roupa e pertenzas dos infectados, pero viron que isto era menos efectivo. Como nos asedios sempre había algún que conseguía escapar, este era o encargado de ir transmitindo a enfermidade de cidade en cidade. Logo raios, que estaban a planear?.
“- E lembrades o de Lord Amherst cos nativos americanos? -Ah! Si xa nos lembramos! Aquelo que limos fai un tempo no Circo de Bacterias de Praza de como os infectaron para sometelos!!. - Pero que cabrón era!.”.
“- O que está claro é que temos que estar todas xuntas nisto!”. Logo estaba claro, estaban a se organizar, e buscando información.
“-Deberiamos revisa-los avances que fixeron sobre usarnos coma armas biolóxicas no século XX. -Uff! Iso pode levarnos moito tempo. -É logo?. -Buff! Nese século fíxose de case todo. Ata hai quen di que os xaponeses durante a II Guerra Mundial, fumigaron con pulgas á poboación china. -Eh? -Si, e cas pulgas infectadas ca peste!!!”. Logo xa estaba claro!. E aínda por riba tiñan boas fontes porque no século XX fíxose de case todo. Por exemplo, espalla-la bacteria Burkholderia mallei nas cortes onde o exercito inimigo gardaba os seus cabalos durante a I Guerra Mundial. O curioso destes ataques é que os fixeron tanto dun lado coma doutro, os alemáns, os americanos, os fineses. Esta bacteria provoca neumonía nos animais e por suposto daquela eran unhas baixas moi sensibles para os exércitos. Tamén foi neste século cando as cabezas pensantes dos exércitos decidiron que era moito mellor face-las probas en humanos, empregando os prisioneiros de guerra, que as ratas do laboratorio. E ó igual que aconteceu coa pneumonía equina, aquí ningún pode tira-la primeira pedra: alemáns nos campos de concentracións, xaponeses coa poboación china, estadounidenses durante os experimentos da Guerra de Corea,…
“-É o antrax, non esqueza-lo antrax. -Estou cavilando – dixo unha delas – que isto debe ser o que chaman Ciencia Aplicada. - JAJAJAJAJAJAJA”… Xa non escoitei máis; decidín intervir; subín uns grados a estufa para atontalas e aproveitei para reducilas e chamar a autoridade competente.
Antes de que as detiveran non me puiden resistir a preguntar: Por que?. Non vedes que tódalas medidas son polo voso ben, que non é culpa nosa, que non hai medios nas Universidades, pero non porque nos recorten… Non.. Eche pola herdanza!!. Riron e dixeron que xa empezaban a estar fartas! Que era necesario protestar! Que a xente estaba a empezar a espertar! O final tiven que explicarlles que tiñan que actuar coma os seus avós, que traballaban máis e calaban!. Non lles gustou e agora creo que seguirán a intentalo.
Aínda que algúns lles guste máis o lema do Rei Sol: “Todo para o pobo pero sen o pobo”; un revolucionario francés dixo: “Cando o pobo se une, aquí poden caer cabezas”.
Patricia Veiga-Crespo
@pvcrespo
Enrique Laval R. (2004). «Sobre las epidemias del fuego de San Antonio». Revista chilena de infectología (Santiago) 21 (1): pp. 74-76
Antoni Virgili http://www.nationalgeographic.com.es/articulo/historia/grandes_reportajes/7280/peste_negra_epidemia_mas_mortifera.html
Xa fai uns cuantos anos un profesor da Facultade preguntounos cal era o noso feito destacable da Historia da Bioloxía. As opinións na aula foron moitas e moi variadas. Naturalmente todos nós, chamados a ser Ilustres Científicos no futuro próximo, enumeramos unha morea de feitos de natureza recente e moi moderna. Sen embargo, el enumerou outro, moito máis antigo e moito máis xeral, aplicable non só a bioloxía, senón tamén a outras areas: o desenrolo do microscopio. Mira ti!.
Analizando a resposta co paso do tempo, acabei decatándome da magnitude da afirmación. Sen microscopio, a Bioloxía molecular, a Microbioloxía e unha morea de disciplinas que agora damos por supostas serían unha cousa moi diferente, de feito a Microbioloxía non tería razón de ser porque non poderiamos ver os pequenos bichiños que fan o mesmo tempo a nosa vida máis agradable cando lles da por colaborar ou son capaces de facernos unha desfeita.
En 1608 Jensen, que era un científico holandés construíu o primeiro con dúas lentes converxentes. Oé! Chegou a ter ata 9 aumentos! E aínda por riba cunha historia de roubo de ideas detrás. No 1665, Hooke foi o primeiro que empeza a falar de algo chamado células e xa no 1674 Leeuwenhoek descobre os protozoos e en 1683 foi capaz de ve-las primeiras bacterias.
Ademais de ser capaces de moito con moi pouco, o abraiante destas xentes non era so o avance que fixeron no campo que nos adoita ocupar por estes lares do Circo de Bacterias. O abraiante era que eran verdadeiros seres do Renacemento. Por exemplo Hooke era un individuo con intereses tan aparentemente dispares coma a bioloxía, a náutica, a arquitectura ou a física. Andou implicado na creación da Royal Society de Londres, e tiña coma uns dos seus hobbits favoritos discutir con Sir Isaac Newton. A el débemo-la famosa Lei de Hooke sobre a elasticidade dos corpos, que permitiu desenrolar ese aparello coñecido como resorte; andou tamén liado ca teoría do movemento planetario e unha chea de cousas máis. Dille ti a alguén que faga a metade da metade co dobre do dobre de medios.
Leeuwenhoek foiche comerciante de tecidos, traballador municipal, e pai da Microbioloxía, da Bioloxía Celular e da Bioloxía Experimental; e aínda por riba casou dúas veces, quedou viúvo outras tantas, e tivo 5 fillos, dos que tivo que enterrar a 4. Xa vedes. Rídevos do que contan nos programas de Corazón agora na TV.
Fai pouco publicaron o traballo dun científico italiano en ultramicroscopia de alta resolución capaz de ver por primeira vez o DNA, un traballo impresionante, e unha personalidade impresionante tamén pero hoxe non toca falar diso.
Hoxe toca falar de como un feito que aconteceu xa fai cincocentos anos, revolucionouno-la vida a todos, aínda que moitos xa non fósemos capaces de lembralo. Non está ben olvida-lo pasado, porque se buscamos no pasado atopamos moitas respostas para preguntas que nos estamos a facer hoxe en día.
Patricia Veiga-Crespo
@pvcrespo
Estes días tiven a terrible experiencia de atravesa-lo lineal dos xoguetes dun centro comercial. Foi moi duro porque a pesares de que a crise chama a tódalas portas e este ano hai aínda menos cartos que o ano anterior, aquelo estaba ateigado de xente intentando busca-lo xoguete desexado, ou busca-lo xoguete máis barato. E só a min se me pode ocorrer intentar atalla-lo camiño cara a panadería cruzando polos xoguetes.
Quizais compra destacar que son unha desas persoas nas que o espírito do Nadal non está moi arraigado; tamén eche certo que para min o Nadal iniciase o día que no supermercado atopo a primeira peza dun coñecido turrón de chocolate, e finaliza o día que remato de comela. Isto fai que o meu Nadal se vexa reducido a un par de días normalmente no mes de Novembro, aínda que cada ano o adiantan un pouco máis e ó mellor remato celebrándoo un ano en Xullo.
Pero, xa que andaba por alí, botei un ollo que nunca se sabe o que lle pode acabar pedindo unha o Apalpador. Mirando, mirando, vin moitos xogos de mesa, na súa meirande parte relacionados con programas de TV; vin unha morea de bonecas de dimensións faciais imposibles; vin unha morea de xoguetes que non sabería moi ben coma definir e botei de menos cousas. Por exemplo, onde andaba o Cheminova? O Meu Primeiro Telescopio? ou… Cousas que che facían desexar chegar a casa e intentar un par de explosións antes de merendar; ou mira-las estrelas despois de cear…
De nena fun tan apaixonada dos libros dos “Jovenes Castores” e os experimentos que neles se propoñían, coma sufridora das consecuencias en forma de reprimendas cando as cousas se saían, un chisco, dos cálculos inicias. Non sei se a miña vocación coma científico se desenrolaría de ter tido outros xoguetes, ou se non houbese dedicado o meu tempo a segui-las aventuras dos tres sobriños de Donald. O mellor seguindo as aventuras dos Cinco, rematase coma CSI; ou coma cirurxián por desmembrar toda boneca que caía nos meus dominios, aínda que iso tamén podería relacionarse con asasino en serie. Vaite ti saber!.
Pois o outro día, no corredor dos xoguetes, eu botei de menos estes xogos, como levo moito tempo botando de menos libros para nenos que lles conten as marabillas da ciencia e lles amosen como mancharse as mans e conseguir abraiantes resultados. Por suposto direi que non estou disposta a repetir a xogada e voltar a entrar no corredor dos xoguetes, porque seguro que algún hai, e tamén libros, o problema é que non son doados de atopar. Polo tanto, nun intento de xuntar o fomento da Ciencia, e tirando para a casa da Microbioloxía, entre os máis pequenos, cos axustados presupostos do Apalpador, Papa Noel ou Reis Magos para xoguetes, xunto co espírito austero que nos recomenda o noso Goberno, eu propoño que o agasallo estelar este Nadal sexa un Micronova, e aínda por riba, feito na casa.
Vexamos que cousas necesitaremos; tamén teremos que decidir que cousas irán incluídas na caixa do xogo, e que cousas non, porque aínda que sexa caseiro teremos que darlle un acabado bonito para competir coas Monster non sei quen ou os que viven no fondo do mar.
O seu sería xa que imos falar de Microbioloxía que no kit viñese un microscopio. Isto obviamente vainos subir costes, e facelo nos mesmos pode resultar especialmente complicado pero podemos conseguir algún do tipo “Mi primer microscopio” barateiro e que será suficiente para unha primeira aproximación. Se despois o neno quere, que aforre para mercar un mellor.
O primeiro será decidir que bichos metemos no paquete. Non podemos regalarlle nada tóxico, nin perigoso, nin que sobre todo o rapaz ou rapaza sexa capaz de desencadear un ataque biolóxico, aínda que algún o mereza. Eu poñería un pouco de Saccharomyces cerevisiae, que che é un fermento moi apañado que serve para facer viño, cervexa ou pan. Oé! Que non sae científico? Pois sairá panadeiro. De onde a sacamos? Isto é doado… en case calquera supermercado venden fermento natural, esa que está a 4 ºC, ou ben podemos ir a unha herboristería e mercar fermento de cervexa. Xa temos un.
Logo agora poderiamos meter na caixa unha bacteria. E. coli eche moi socorrida pero tamén pode ser perigosa. Logo terémola que rexeitar. Eu propoño botar un Streptococcus thermophilus ou un Lactobacillus delbrueckii subsp. Bulgaricus ou un Lactobacillus delbrueckii subsp. lactis ou se nos poñemos moi probioticos un Bifidubacterium lactis. Estes a maneira máis doada de acadalos será a partires dos postres lácteos que tedes en calquera supermercado. A verdade é que ignoro se o venden nunha herboristería ou tenda especializada para poder facer iogur na casa. En calquera caso, so o temos que illar do iogur, botando un pouco de iogur sobre un pouco de medio de cultivo e facendo que medre. Outra opción é mete-lo iogur no noso kit, e que o destinatario intente illa-lo bicho. Pode ser ata máis interesante. Porque obviamente, que nos iogures había microbios tódolos que somos da xeración das iogureira e os iogures feitos na casa, xa sabiamos da posibilidade de usar un para obter outro.Como tampouco queremos abusar, dous bichos, estarán ben aínda que alternativas haiche moitas máis.
Agora temos que meter tarriños para poñe-lo medio de cultivo. Neste caso, pode haber varias solucións pero eu apostaría por tarriños de cristal, porque che son moi útiles: poderémolos usar para medrar bichos en presencia de osíxeno, se os poñemos sen tapa, ou ben se os tapamos hermeticamente sen osíxeno.
Logo temos que poñer no paquete os medios de cultivo, vamos os sitios onde van vivi-los nosos amiguiños, e sobre todo, o que van comer. Eu inclínome por medios de cultivo xenerais, vamos que sirvan un pouco para todo. Neste caso as posibilidades son infinitas. Non é o máis adecuado para os que xa colocamos na caixa pero simplemente unha bolsa de puré de pataca eche un recurso moi socorrido para o cultivo de microorganismos. Tamén podemos poñer un pouco de leite en po. Para Saccharomyces nos laboratorios adoitase usar un medio que se chama YPD, é que leva o YPD? porque o mellor podémolo facer na casa: un pouco de glucosa, sucre de toda a vida; un pouco de extracto de fermento, en calquera herboristería; é un pouco de extracto de peptona, este pode ser un pouco máis complicado de acadar pero… É por suposto necesitamos un axente solidifícante. Se lembrade-la entrada sobre o agar, nunha tenda que venda comida oriental atoparede-la resposta.
Por suposto, necesitamos material para sembra-las bacterias. Podemos facer unha asa de sembra cun simple arame, e se non queremos complicarnos, cuns simples escarvadentes temos suficiente.
Como xa temos medios de cultivo, aparellos para illa-los microbios, tarriños para medralos, aínda por riba de xogar cos do kit podemos intentar illar novos microbios: mirar que medra se tocamos o medio cunha man; se lavamos a man, e despois tocala placa; con osíxeno u sen el… O que che ven sendo un xogo sen fin. E se xa lle métemo-lo microscopio na caixa, podemos tolear.
Obviamente, o xogo virá cun catálogo de instrucións moi completas onde explicaremos os protocolos básicos claro.. e con debuxos, moitos debuxos de tódolos aparellos e dos bichos.
Ben, queda unha cousa que non formará parte do kit senón que será indicado como elemento necesario pero non incluído: unha ola a presión. Si. ¿Para que a necesitamos? Para autoclava-los medios de cultivo, e para esterilizar o material de vidro. O de metal é mellor esterilizalo pasándoo polo fogo, pero neste caso poñeremos avisos no protocolo para que o rapaz o faga faixo supervisión dun adulto, e tampouco incluireimo-lo chisqueiro na caixa. Veredes, os autoclaves son uns aparellos que hai nos laboratorios para esterilizar de tal xeito que se poñen a máis dunha atmosfera de presión no interior e son capaces de subi-la temperatura da auga ata 121 ºC. Iso fai que toda forma viva no seu interior. Obviamente, non podemos mercar un para a casa pero cunha ola a presión das de sempre teremos máis que suficiente para poñer os nosos tarriños, ou o noso medio de cultivo, como cando cocemo-los botes das conservas caseiras.
Con todos estes elementos, xa temos un Micronova caseiro para todos. Se alguén se lle ocorre algunha cousa máis que deba estar dentro da caixa, admítense suxerencias. Aínda que o importante é conseguir que algún neno ou nena se interese pola Ciencia, por que se non conseguimos que o futuro se interese, como imos poder troca-lo sistema produtivo?
Eu creo que o Micronova pode se-lo regalo estrela este Nadal.
Patricia Veiga-Crespo
@pvcrespo
Unha vez mais, e debido a súa morbosa curiosidade pola actualidade as bacterias do laboratorio están a vivir uns días de preocupación, tristeza, dor, e unha morea máis de sentimentos encontrados. Están moi intranquilas por algo que seguramente as pillou de sorpresa e sen que contaran. Todos sabiamos dos problemas dos gandeiros co prezo do leite, todos sabiamos das inxustizas, e todos eramos capaces de recordar que fai anos a algún avó, pai, veciño lle pagan máis polo leite que agora a xente moito máis especializada, con mellores instalacións, e cun produto de calidade. Supoño que todos, incluídas elas, pensamos que o Rural galego, o igual que a lingua ou moitas tradicións, eran bens que non hai que coidar porque eran Inmortais. O problema é que agora, o igual que acontecía na película, parece que o final “Sólo puede quedar uno” e parece que hai uns señores moi feos, feisssmos, empeñados en que o Uno que fique non sexa o Uno de todos, nin que o Uno poida ser a suma de moitos diferentes.
Recoñezo que cando me empezaron a falar da súa preocupación no laboratorio, non o entendín moi ben. Pero como un dos meus mellores recordos da miña infancia era o leite recen muxido, ca súa espumiña, xa me tiñan gañada para a súa causa, e conseguiron captar a miña intención moi axiña.
Elas estaban preocupadas por toda unha serie de compañeiras que o estaban a pasar moi mal e que aínda o ían pasar peor cos milleiros de litros e litros de leite que se estaban a verter. Estaban a quedar sen traballo! Estaban a quedar sen sitio para vivir! E estaban quedando sen alimento!… A medida que ían falando, a miña cara ía mudando porque xa non sabía moi ben de que estabamos a falar. Pero raios! Seguían a falar do leite. E estaban preocupadas por todas aquelas bacterias que vivían no leite, o se encargaban de transformar o leite noutros produtos.
Dixeronme que elas eran as primeiras interesadas en que se arranxara o sector lácteo e que houbese controis de calidade. De que nos asegurasemos o orixe do leite que consumiamos, e que se producía nunhas condicións adecuadas. Tamén entendían que houbese que levar a cabo controis sanitarios para asegurarse de que as vacas que daban leite eran vacas sás, que non padecían tuberculose, ou cousas semellantes e que no leite non aparecían bacterias coma Mycobacterium ou outros patóxenos. Entendían procesos coma a pasteurización para asegurar a salubridade. Pero tódolo demais era simplemente unha inxustiza. ¿Qué ía pasar con especies coma Streptococcus lactis, Streptococcus diacetylactis, Streptococcus thermophilus, ou Streptococcus cremoris, Leuconostoc cremoris, ou Lactococcus bulgaricus que son encargadas de facer que a leite se transforme en queixo? Ou de fungos coma Penicillum roqueforti para queixos curados tipo Roquefort? Todas sen traballo, tiradas a basura dende as zonas de producción e mortas de fame, porque non esquezamos que as bacterias usan o leite en beneficio persoal, e nós aproveitámonos diso.
Ou de especies coma Streptococcus salivarius subsp thremophilus que xunto con Lactobacillus delbrueckii son capaces de facer iogur? Tamén abandonadas. Por non falar desas de nova incorporación que se están a incorporar o no vocabulario como L. casei.
Xa cando foi da cota láctea moitas estiveron afectadas, mais o de agora é un ataque en toda regra contra a liña de flotación, seguiron a dicir. Como é que ninguén fai nada para intentar amañalo?. A verdade é que podería intentar atopar argumentos para replicarlles como o feito de que os humanos eramo-los únicos mamíferos que seguiamos a consumir leite despois do destete. Podería falar con elas dos beneficios doutros produtos, ou de que Europa… pero a verdade é que so me apetecía darlles a razón. A verdade é que non creo que se podía definir mais que coma atentado o que están a facer co rural e co leite. A verdade é que creo que teñen razón. A verdade é: Agora nin un paso atrás.
Patricia Veiga-Crespo
@pvcrespo
Aínda que teñamos que vivir nunha nave espacial…Iso cantaba Mocedades e fai pouco oínllo berrar a todo trapo a unha E. coli no laboratorio.
O outro día case morro dun infarto. ¿Vós sabedes o que é entrar pola porta e empezar a oír berros do tipo Resistencia!! Resistencia!!?. O primeiro que pensei foi que se me voltaran todas anarquistas ou nacionalistas ou algo aínda peor… se é que pode existir algo peor que o Nacionalismo!!, coma ben din na Caverna.
Pero despois o poñe-lo oído empecei a escoitar cousas coma: Se me pasas ó da penicilina, eu douche o da estreptomicina… Imaxinade o meu estupor! Traficantes… tiña os de Matalobos na estufa! Quen sería Carmelo? Escherichia sempre che me pareceu pouco de fiar… Como comprenderedes iso non o podía permitir. Que ían a pensar da Ciencia se sabían que nos laboratorios as bacterias estaban a trapichear? Ó mellor empezan a crer que servía para algo pero, non fose a se-lo demo, decidín abri-la porta da estufa e cantarlle-las corenta ben cantadas, co As e co Tres se facía falta!! As drogas non era algo que estivese eu disposta a consentir no laboratorio, e moito menos se non me avisaban antes para a festa!!.
A verdade é que a culpa foi miña por sacar conclusións precipitadas e lixeiras… resulta que as miñas pobres estaban a falar das resistencias a antibióticos. Esas que fan das que as posúen seres estratosféricos, e dos que as padecen, seres con poucas posibilidades de futuro…
Resulta que o luns, seguindo esta moda de que cada día celebrase unha cousa diferente, rache o día dos antibióticos… xa ves ti. Os que son alérxicos a eles creo que o celebran a dor!. Total que as pobres só estaban a falar de resistencias e das bacterias máis resistentes é de como acada-lo maior número posible … Vamos, como cando as rapazas de hoxe en día empezan a falar de Justin Bieber e non paran, e colocan fotos do raparigo este no seu cuarto… A min, que queredes que vos diga… Xustiniano xa me pillou vella.
Sobre os antibióticos sempre se dixeron moitas cousas, a maior parte delas barbaridades dende o descubrimento da penicilina por Fleming. O primeiro xa foi Golden aló polos 50 que en pleno apoxeo de descubrimentos osou dicir: “Imos rematar con tódalas doenzas”. Se cadra foise un pouco a man na afirmación. O seguinte que pasou foi que o longo de 40 anos, os científicos foron capaces de descubrir antibióticos con relativa facilidade e sen ter que pensar moito no asunto: estreptomicina, ampicilina, … así un longo etc… e ademais logo chegou a posibilidade de combina-las partículas naturais coas modificacións no laboratorio dando lugar os antibióticos semi-sintéticos, e que empezasen a aparecer as cefalosporinas de segunda xeración, as de terceira… E polo camiño, Barra libre para todos de antibióticos!. Doutor, que me doe un pé. Será un escordadura pero imos tomar antibióticos por se acaso. Doutor, unha moa, antibiótico… oito días cada oito horas. E aquí xa empezamos a facelo mal. Por un lado tiñamos o abuso, o uso indiscriminado … e por outro, ¿coñecedes a alguén que tomase oito días seguidos cada oito horas o antibiótico? Os primeiros días si pero despois… a cousa relaxábase un chisco ou un moito…
E aínda por riba ala polos 90 comezou a longa noite de pedra dos antibióticos: cada vez era máis difícil atopar un novo principio activo que fose eficaz, e cando se atopa enseguida empezaban a aparecer resistencias. Hoxe en día as resistencias a antibióticos son un dos maiores dores de cabeza de calquera sistema sanitario … Ai!! Se nos tivésemos que pagar o euro por receita na época dos abusos! Ou o co-pago, xa veriades como as cousas serían distintas agora…
Os transxénicos bótanselle moitas pestes enriba. Eu estou de acordo maiormente con dúas: que o seu uso vai acabar ca variabilidade e coas razas autóctonas; e que aprobar transxénicos é favorecer monopolios de grandes compañías. Agora ben, as resistencias a antibióticos que vemos non son culpa deles, ou a lo menos non a meirande parte.
As resistencias os antibióticos veñen dadas porque as bacterias son capaces de desenrolar mecanismos para sobrevivir a eles: ou ben trocan as vías de entrada, como se cambiásemos a pechadura da casa, ou ben son capaces de sintetizar proteínas que degraden o antibiótico, cal karateka partindo táboas…
Como acadan estes logros? Trocándose a si mesmas. De que xeito? Mudando. Xa falamos algunha vez por aquí de que as mutacións cando suceden son neutras, nin pa ti, ni pa min. O que pasa é que dependendo onde se viva poden supoñer unha mellora. Logo se unha bacteria vive en medio dunha morea de antibióticos que a matan, e é capaz de degradalos pois, por un lado, vai sobrevivir, e aínda por riba, os antibióticos matarán a tódolos seus competidores. Vamos, imaxinade que sodes un gran banco, e de repente o goberno empeza a cerra-los pequenos, ti gañas máis, e aínda por riba diche: Oe, ti non quererás mercar un cacho disto que teño aquí?. Miel sobre hojuelas!!. Pois unha cousa moi semellante facemos nós cando non tomamos os antibióticos oito días cada oito horas.. selecciónamo-los resistentes.
Outra forma que teñen as bacterias de acadar resistencia é a transmisión horizontal. Eh?? Fácil, cando un señor/señora ten un fillo, páselle as súas características xenéticas. Iso é transmisión vertical. O que ocorre é que as bacterias poden intercambiar xenes entre individuos da mesma xeración e incluso de especies diferentes… De este xeito organismos que posúan resistencias pódenlle “pasar” o xen os veciños. É aquí si é verdade que os transxénicos terán algo que dicir.
Un dos problemas que houbo cos antibióticos foi que ó principio ninguén se parou a pensar para que os producían os microorganismos. Eles xa os producen para poder vivir mellor, para eliminar competencia, para degradar os compoñentes do veciño e alimentarse deles… Debería ser lóxico que nalgún momento alguén pensase que se había alguén producido a arma, habería alguén construíndo o escudo. A evolución ocorre naturalmente cada día. Seguro que hai bacterias resistentes a antibióticos que aínda non se descubriron, e bacterias sensibles a antibióticos que xa deixamos de usar por ineficaces.
Coma a Sociedade onde nos tocou vivir é unha sociedade de excesos, antes poñíanse antibióticos ata no penso das vacas ou dos cans para que medraran máis e máis rápido, agora case tes que agonizar para que che dean un. Eche coma cando antes ías pedi-la hipoteca e saías do banco co crédito da hipoteca, do coche e das vacacións, e agora nin para mercar un lapiseiro. Logo, nós tamén teremos que resistir.
Patricia Veiga-Crespo
@pvcrespo
Días de folgas e reivindicacións, días de cifras que nos marean, que nos dan datos macro-económicos, con cantidades que somos incapaces de imaxinar nin de lonxe… eu, que creo que vin unha vez un billete de 500 euros, e agora co paso do tempo, non estou moi segura de se o soñei… Datos alarmantes, datos abraiantes, datos, datos, … e máis datos. Pero sobre todo un: case seis millóns de parados.
E un día como o 14N datos, diversidade de opinións, se ir ou non ir a folga, desta so saímos traballando, so se nos mantemos unidos… Hoxe vendo as manifestacións en Galiza, pregúntome que facían o día 21O … pero supoño que por iso din que non se sabe se subimos ou baixamos, e os que trataron de entendelo ou acabaron non exilio ou acabaron tolos.
Sen dúbida unha das frases destes días é: “Non, eu non vou facer folga porque teño traballo”. Ó mellor cabe levar a cabo a reflexión de se estes actos, estes días, son convocados polos que estamos ou polos que veñen. Nunca se sabe.
E poñéndome a pensar nestas cousas, da importancia de ter un traballo, na importancia de ter dereitos e defendelos, lembreime das miñas pequenas compañeiras. Un dos maiores logros da clase traballadora e daqueles que loitaron por defende-los seus dereitos foi o recoñecemento das enfermidades profesionais. Non falo de cando ides o médico e divos que tedes unha lesión típica da vosa profesión, non, nin de cando lle diagnostican cóbado de tenista a alguén que se veu un día unha raqueta foi na televisión e de lonxe.
Unha enfermidade profesional é aquela causada dunha maneira directa polo exercicio dunha profesión ou do traballo que realice unha persoa. Cando os mineiros se lles recoñeceu a silicose coma enfermidade pulmonar, conferíronselles dereitos tanto en forma de recoñecemento coma en forma de medides de protección. Por suposto, houbo uns cuantos que tiveron que loitar arreo para acadalo.
As enfermidades recoñecidas en España aparecen reguladas por Reais Decretos, e a lista de axentes causantes pode variar duns países a outros. Poden ter distintos orixes e como tales aparecen agrupados na lei.
No caso dos microorganismos temos diferentes tipos de virus, bacterias e fungos agrupados. Normalmente indícanse nestes casos, tanto o axente causal, o que provoca e a quen llo provoca. Vamos quen o ten recoñecido.
Por exemplo, a tuberculose, que a causa Mycobacterium tuberculosis, que como todos vos xa sabedes aparece nos pulmóns e despois pode estenderse o resto de órganos vitais, recoñecese coma enfermidade profesional dos veterinarios, granxeiros, e persoal sanitario. Outra enfermidade recoñecida para as persoas que traballan con animais, e a brucelose ou Febre de Malta. A causa esta nunha bacteria que pertence o xénero Brucella. Neste caso tamén a xente que traballa nos matadoiros tena recoñecida.
Lembrade-la crise dos sobres con antrax? Aqueles que se mandaban en Estados Unidos despois do 11S que tiñan un lixo branco? Pois o carbunco eche unha enfermidade de orixe microbiano recoñecida no caso de persoa que traballan con animais: granxeiros, veterinarios, .. Se os animais están infectados, poden inhalar as esporas e acabar desenrolando a enfermidade.
Haiche un virus que afecta case sempre os muxidores, que se coñece coma o nódulo dos muxidores e que e provocado por un virus do grupo da paravaccinia. O virus infecta á vaca, provoca a doenza, e logo provoca unha reacción benigna nas mans dos granxeiros ou dos veterinarios.
Por se o campo non tivese suficientes problemas cos espolios que está a sufrir dende as multinacionais que fixan o prezo do leite, ou o dos cereais, outra grave enfermidade profesional é a que se coñece coma o pulmón do granxeiro. Neste caso, o afectado inhala as esporas de Micropolispora faeni y Thermoactinomyces vulgaris, que chegan os alvéolos e alí os microorganismos medran provocando unha alveolitis alérxica extrínseca… que só co nome xa da medo.
Por suposto están os traballadores dos laboratorios, aquí normalmente está no risco de contacto con organismo que se investiga, sendo os riscos proporcionais a patoxenicidade do organismo: por exemplo traballar co VIH ou o virus da Hepatite C.
O recoñecemento destes axentes patóxenos, e de moitos doutros que non son os que nos ocupan por aquí fíxolle moito ben a moita xente. Xente que hoxe ten traballo, e xente que hoxe o está a buscar desesperadamente. O mellor ese é o espírito.
Patricia Veiga-Crespo
@pvcrespo
REAL DECRETO 1995/1978, BOE nº 203 25-08-1978
Stehr-Green PA, Hewer P, Meekin GE. The aetiology and risk factors for warts among poultry processing workers. Int J Epidemiol 1993; Apr, 22(2) 294-8
REAL DECRETO 1299/2006, BOE nº 302 19-12-2006
Information notices on occupational diseases: a guide to diagnosis. Office for Official Publications of the European Communities, 2009.